O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lanza a cuarta edición do concurso de vídeos Marie Tharp, unha iniciativa dirixida ás mulleres investigadoras vinculadas ao centro co obxectivo de visibilizar o talento feminino na investigación mariña e fomentar as vocacións científicas en igualdade. O certame conta con un premio de 1500 euros por categoría (predoutoral e posdoutoral), que poderán destinarse á adquisición de material informático ou á asistencia a congresos científicos.
O concurso leva o nome de Marie Tharp, cartógrafa e xeóloga mariña pioneira na elaboración do primeiro mapamundi do relevo submarino, cuxo traballo abriu novas perspectivas no coñecemento dos océanos e simboliza o espírito científico e valente que o CIM quere reivindicar con esta convocatoria.
A presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, Ana Bernabeu, subliña que “esta iniciativa busca recoñecer e dar visibilidade ao traballo das investigadoras do centro, promover a súa proxección profesional e contribuír a reducir a fenda de xénero que aínda existe nas etapas máis avanzadas das carreiras científicas”. O acto de entrega de premios desta cuarta edición contará tamén cunha mesa redonda na que as galardoadas doutras edicións poderán compartir as súas experiencias.
O primeiro premio foi para a artista e docente Mar Caldas
Dar a coñecer unha serie de investigacións de diferentes ámbitos, que teñen na creatividade o seu nexo de unión, era o obxectivo da xornada promovida este venres polo Campus Crea, co apoio do Consello Social da UVigo, na Escola de Enxeñaría Forestal, onde dez estudantes de doutoramento deron a coñecer as súas liñas de traballo. Este encontro completouse co acto de entrega dos V Premios Crea, destinados a recoñecer estudos, publicacións e obras conectadas coas catro áreas do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, que afondan nas conexións da creatividade coa arte, o deseño, a comunicación e a educación.
Promovidos co apoio da Deputación de Pontevedra, o premio correspondente á categoría dirixida ao persoal docente e investigador foi para o proxecto Retrato de familia, no que a artista e profesora de Belas Artes Mar Caldas reflexiona sobre a súa historia familiar para denunciar a violencia exercida pola ditadura franquista. Xurdido a partir da súa película 12 de maio de 1937, que toma o seu título da data na foi fusilado o seu avó materno e que Caldas presentaba recentemente en Cuba, este proxecto deu lugar a un conxunto de obras, reunidas a comezos deste 2025 nunha exposición que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Na modalidade dirixida o estudantado, o xurado decidiu premiar Letting the Painting Fall / Deixar a Pintura Caer, un proxecto expositivo que o estudante de doutoramento de Belas Artes Carlos Fer desenvolveu nunha estadía de investigación en Bruxelas e no que reflexiona sobre os modos de presentación da pintura, convertendo a gravidade nunha técnica pictórica.
Trátase de teses de doutoramento, traballos fin de estudos, artigos e accións divulgativas
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, recoñece cada ano cos seus Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica o talento e o esforzo do persoal investigador da Universidade de Vigo arredor das súas liñas de traballo. Na súa sétima edición, estes galardóns distinguen nove iniciativas (teses de doutoramento, traballos fin de estudos, artigos científicos e accións divulgativas) sobre alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal.
No marco do programa interuniversitario de doutoramento que coordina a UVigo neste eido
A Facultade de Historia do campus de Ourense foi o lugar elixido para a celebración este xoves e venres das II Xornadas de Investigación en Patrimonio Cultural. A actividade estivo organizada no marco do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural, ofrecido polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
As xornadas presentáronse como un espazo de encontro e intercambio científico entre o alumnado e o profesorado do programa, e contou coa participación de estudantado seu e de persoas egresadas que compartiron a súa experiencia investigadora e profesional. En total contou con 15 conferencias doutros tantos novos e novas investigadoras e unha mesa redonda de egresados e egresadas. O evento foi semipresencial, podendo seguirse de xeito presencial ou a través do Campus Remoto da UVigo. “As primeiras xornadas fixéranse en Trasalba antes da pandemia e este ano decidimos retomalas para ofrecerlle aos nosos doutorandos un punto de encontro, un espazo no que compartir procesos de investigación e xerar redes de traballo e apoio entre eles”, explicou a profesora da UVigo Beatriz Comendador, coordinadora deste programa de doutoramento.
A maioría das actividades formativas do programa, apuntou a súa responsable, son virtuais e esta actividade presencial permítelles coñecerse persoalmente, compartir os traballos que están facendo e as dificultades ante o reto de realizar a tese de doutoramento. Ademais, engadiu, este encontro é especialmente frutífero tendo en conta que este programa interuniversitario caracterízase pola súa transdiciplinariedade, reunindo investigadoras e investigadores con liñas de traballo con “metodoloxías e aproximacións ao tema de patrimonio moi diversas”, desde o xurídico ou o tecnolóxico ata o arquivístico.
- A UVigo incrementa a súa proxección internacional en Costa Rica, Colombia e Perú
- O Laser Institute of America premia unha estudante de doutoramento da EE Industrial por unha comunicación sobre produción de nanopartículas bimetálicas
- Francisco Pérez de los Cobos: “Resulta imposible imaxinar a obra de Franz Kafka desligada da súa condición de xurista”
- A UVigo destina 12.000 euros a fomentar o uso do galego nos TFG, TFM e teses de doutoramento