O Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, en colaboración co Consello Social, acaba de lanzar unha macroenquisa para coñecer a situación de empregabilidade das e dos titulados en estudos oficiais da UVigo entre o ano 1990 e 2024. En total, convídase a participar a 117.846 persoas que saíron das aulas da institución académica dende a súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela, é dicir, as 35 promocións comprendidas entre os cursos académicos 1989/1990 e 2023/2024, incluíndo tanto licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías e enxeñarías técnicas como graos, mestrados e programas de doutoramento.
Con este estudo búscase analizar o perfil académico dos antigos estudantes, a súa situación socio-laboral a 1 de xaneiro de 2025, as características do seu emprego, a valoración que fan do seu do traballo, a satisfacción co itinerario académico realizado e co cumprimento das expectativas en relación co ensino superior, así como a súa valoración da inserción laboral.
A Universidade de Vigo é unha institución pública na que se valora o esforzo, o compromiso e o talento, unha universidade que está ao dispor de toda a sociedade para, entre todos e todas, ser quen de acadar un mundo máis xusto, máis igualitario e máis desenvolvido. Esta é a principal mensaxe que lanzou o reitor, Manuel Reigosa, na celebración de San Tomé de Aquino, cerimonia que tivo lugar este martes no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e na que se entregaron máis de 160 distincións académicas, tanto para os egresados e egresadas que acaban de finalizar o seus estudos, ben sexa de grao ou de doutoramento, como para os que inician este curso o seu camiño na UVigo.
“Hoxe celebramos a excelencia a todos os niveis. A excelencia dos que agora arrancan as súas titulacións na Universidade, cheos de ilusión, e dos que finalizan os seus graos e doutoramentos, bo exemplo de todo o traballo que se fai nas facultades e escolas”, subliñou Reigosa, quen lle deu os parabéns a todas a todos e as grazas por ter elixido a institución académica viguesa como lugar “no que facer agromar” o seu talento. Se alguén pode cambiar o mundo son, a xuízo do reitor, “estas persoas que hoxe reciben as súas insignias e medallas”.
Nunha sesión extraordinaria, e primeira do ano 2025, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este venres a relación de persoas distinguidas cos Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2023/2024. En total, 21 investigadores e investigadoras (13 homes e 8 mulleres) de todos os eidos de coñecemento.
No ámbito das humanidades foron galardoadas tres persoas: Iria Seijas Pérez, Jesús Meiriño Gómez e Antía Iglesias Fernández. No eido das ciencias son seis as e os premiados: Amaro Saco Beiroa, Antía González Pereira, Clara Otero Martínez, Pablo Hernández Lucas, Carlos Rafael Vidal e Manuel Alejandro González Fernández. No campo da enxeñaría os cinco galardóns son para Laura Alonso Martínez, Iván Martínez Estévez, David Candal Ventureira, Manuel Casal Guisande e Brais Barros González. Finalmente, no que atinxe ao eido xurídico-social, os premios son para Evelia Murcia Álvarez, Nuno André Pinto de Sousa, Dolores Fiel Varela, Marta González González, Lucas López Manuel, Hugo Pérez Manuel e Andrés Carrera Hortas.
Os Premios Egeria levan dende 2014 apoiando a inclusión da perspectiva de xénero e/ou feminista nos traballos fin de grao, fin de mestrado e teses de doutoramento na Universidade de Vigo. A última edición, correspondente ao curso 2023/2024, recoñeceu os traballos de oito mozas investigadoras, entre elas Andrea Mouriño, Laura Otero e Xoana Abraira, que obtiveron as mellores puntuacións en cada unha das tres categorías, e que debullan no Duvi os seus traballos e as súas sensacións tras saberse gañadoras.
Na categoría de mellor tese de doutoramento con perspectiva de xénero foron premiadas dúas investigadoras, Andrea Mouriño e Almudena Otegi, sendo a primeira a que acadou mellor puntuación por unha traballo sobre a difusión do patrimonio arqueolóxico no noroeste peninsular dende a perspectiva de xénero.