Premios Axenda 2030 e UVigo Humana
Este mércores tivo lugar a entrega de premios aos TFG, TFM e Teses de doutoramento realizados polo estudantado da Universidade de Vigo que se distingan por ser especialmente relevantes en temáticas relacionadas coa Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social. Ademais, a Fundación Mujeres por África no ámbito internacional e a asociación Bicos de Papel no galego, recibiron este mércores nun acto celebrado no edificio Redeiras os Premios Consello Social UVigo Humana, cos que se recoñecen, como destacou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo, “os valores, a xenerosidade, o sacrificio, o coraxe e o altruísmo.
Mércores 29 de abril. Edificio Redeiras. Vigo
EmpregoInCampus regresa á UVigo propondo a “conexión directa” do alumnado con máis de 70 entidades
O evento reforza as entrevistas concertadas e a preparación do alumnado con obradoiros específicos
Será o xoves 16 en Vigo e o mércores 22 en Ourense
Persoal técnico da Axencia Galega de Innovación, Gain, visitou esta semana a Universidade de Vigo para presentar a nova convocatoria de axudas para o programa de doutoramentos industriais, unha iniciativa dirixida a financiar o desenvolvemento de teses de doutoramento no ámbito empresarial, baseadas en proxectos de investigación e que impliquen unha colaboración efectiva entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e algunha das universidades do Sistema Universitario Galego.
O encontro levouse a cabo no edificio Redeiras e contou coa participación, por parte da Universidade de Vigo, de Antonio Collazo, director da Escola Internacional de Doutoramento, Eido, e Daniel Villanueva, director do Campus Vigo Tecnolóxico; mentres que por parte de GAIN foron Antonio Ferreiro, xefe de sección da Área de Talento e Transferencia, e David López os encargados de debullar os detalles da nova convocatoria, publicada hoxe venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) e da que mañá sábado se abrirá o prazo de solicitudes.
Arredor dun cento de estudantes de doutoramento e mestrado dos tres campus participaron este xoves na Xornada Coñece a carreira investigadora na UVigo, un encontro formativo, con versión presencial e en liña, deseñado para orientar e promover o desenvolvemento das traxectorias científicas do alumnado predoutoral. “Estas investigadores e investigadoras mozas son o futura da Universidade, a nosa punta de lanza”, salientou a vicerreitora de Investigacion, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, intres antes de inaugurar as xornadas, intre no que estivo acompañada polo director da Escola Internacional de Doutoramento, Antonio Collazo, e o responsable da Asociación de Persoal Investigador da UVigo, APIUVigo, Pablo Fondo.
Tras a intervención da vicerreitora, o responsable de Escola Internacional de Doutoramento, Eido, foi o encargado de afondar en todo o relacionado cos programas de doutoramento, “desde que o alumno ou alumna decide facer a preinscrición e matrícula ata chegar ao momento cumio que é a solicitude de depósito e, por fin, a defensa da tese. Ademais, tampouco quero esquecerme de todo o proceso de seguimento a través dos titores e os directores/as”, indicou Collazo, quen tamén mencionou as diferentes saídas profesionais que teñen os estudos de doutoramento, as vantaxes que supoñen en canto a retribucións, así como á hora de atopar un emprego.
A Carreira Investigadora. Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación
Coñece a EIDO. Escola Internacional de Doutoramento
Experiencias da Asociación do Persoal Investigador da Universidade de Vigo
Co obxectivo de analizar a empregabilidade das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre os anos 1900 e 2024 e comparalo co contexto profesional, empresarial, social e territorial a nivel galego, español e europeo, o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo desenvolveu ao longo de 2025 un estudo que agora ve a luz co título Informe sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre 1990 e 2024.
O informe, pioneiro e único no Sistema Universitario Galego (SUG), e que contou coa colaboración do Consello Social, divulga a información da empregabilidade das 35 promocións de persoas tituladas en toda a historia da UVigo, que suman un total de 119.229 egresadas e egresados, que cursaron na Universidade ciclos extinguidos (licenciaturas, enxeñarías, diplomaturas e enxeñarías técnicas), graos, mestrados e programas de doutoramento.
Taxas de ocupación que superan a media da poboación galega, española e comunitaria; desemprego e taxas de inactividade inferiores ás medias correspondentes da poboación do lugar de residencia; eventualidade laboral ou temporalidade menor que a taxa galega e española, mais maior que a media da UE e incidencia da sobrecualificación inferior á media española e comunitaria son algunhas das conclusións da análise comparativa relativa ás persoas egresadas da UVigo que reflicte o estudo, que este martes foi presentado no edificio Redeiras, polos seus autores, o director do Observatorio e exreitor da UVigo, Luis Espada; o analista de datos Víctor Manuel Martínez Cacharrón, acompañados polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa.
Saúde, industria, benestar social e medio ambiente son as temáticas dominantes
9000 euros en premios para as mellores teses de doutoramento, Traballos Fin de Máster e Traballos Fin de Grao relacionados coa Axenda 2030, a Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social. A Universidade de Vigo deu a coñecer nas últimas semanas as gañadoras e gañadores duns galardóns cos que a institución premia o compromiso das alumnas e alumnos que decidiron centrar nestas temáticas os seus traballos de fin de estudos, 18 investigacións coas que o alumnado máis comprometido co desenvolvemento sostible quere achegar o seu pequeno gran de area na difícil tarefa de construír un mundo máis xusto.
Se ben os galardóns contan xa con certa tradición na UVigo -acostuman entregarse na gala UVigo-Humana- esta foi a primeira vez na que se incluíron as teses de doutoramento e o resultado foi “moi satisfactorio”, tal e como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen explica que, en total presentáronse aos premios 55 traballos: 20 teses, 20 TFM e 15 TFG, o que supón un “notable incremento” con respecto ao curso pasado, cando se presentaran 29. Ademais de pola cantidade de traballos recibidos, a vicerreitora, presidenta da comisión de selección dos premios, amosou tamén a súa satisfacción pola “excelente calidade” de todos os traballos, “avalados polas cualificacións e polo informe das persoas que os titorizaban ”.
Cun amplo abano de temáticas, “todos resultan interesantes e manifestan unha sensibilización notable cos ODS”, indica Reboreda. Por ámbitos, o que rexistrou unha maior participación foi o de Ciencias Sociais e Xurídicas, cun total 28 traballos presentados (6 teses, 10 TFM e 12 TFG); seguido do de Ciencias e Ciencias da Saúda con 19 (9 teses, 8 TFM e 2 TFG); Enxeñaría e Arquitectura, con 6 (4 teses e 2 TFM); e, por último, Arte e Humanidades, con 2 (1 tese e 1 TFG).
O seu proxecto explorará un concepto fundamental na computación cuántica desde as artes visuais.
Estudante de doutoramento na Universidade de Vigo, o artista Andrés Rivas Rodís convertíase este mércores no adxudicatario da primeira Residencia ArtLab IGFAE, promovida pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela e dirixida a conectar a creación contemporánea galega coa investigación punteira no campo da física. A partir de febreiro, este artista e estudante do Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea desenvolverá o seu proxecto Outro e sobre si nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e na Cidade de Cultura, onde será exposto a finais de 2026. Seleccionado de entre unha trintena de candidaturas, segundo informaron desde o Goberno galego, o seu proxecto explorará o concepto da superposición, tema fundamental na teoría e computación cuántica, desde a perspectiva das artes visuais.
Co obxectivo principal de “crear un foro dinámico para a discusión científica interdisciplinar en Química Analítica, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición”, como sinala o catedrático do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da UVigo Jesús Simal-Gándara, Citexvi acollerá o 28 de novembro o II Agri-Enviromental and Food Research Symposium. No transcurso do simposio, que “busca ser un catalizador para o avance científico a través do debate rigoroso e a crítica construtiva”, un total de 24 estudantes de doutoramento do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias da UVigo (AA1) presentarán os seus traballos, articulados arredor de catro eixos principais.
“O primeiro aborda a identificación e avaliación de compostos bioactivos de fontes naturais, como algas, plantas medicinais ou coprodutos agroalimentarios. O segundo eixo emprega modelos biolóxicos, como D. Melanogaster, C. elegans, ou cultivos celulares, para validar efectos antioxidantes, inmunomoduladores ou antiobesidade. Un terceiro pilar aplica técnicas analíticas de vangarda (GC/LC-MS) e modelado computacional (Machine Learning) para a caracterización e cuantificación de contaminantes e nutracéuticos e finalmente, un cuarto eixo explora mecanismos fisiolóxicos, como a epixenética transxeneracional ou a ferroptose inducida por fitoquímicos, ofrecendo unha visión biomecánica do seu impacto na saúde”, detalla Simal.
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lanza a cuarta edición do concurso de vídeos Marie Tharp, unha iniciativa dirixida ás mulleres investigadoras vinculadas ao centro co obxectivo de visibilizar o talento feminino na investigación mariña e fomentar as vocacións científicas en igualdade. O certame conta con un premio de 1500 euros por categoría (predoutoral e posdoutoral), que poderán destinarse á adquisición de material informático ou á asistencia a congresos científicos.
O concurso leva o nome de Marie Tharp, cartógrafa e xeóloga mariña pioneira na elaboración do primeiro mapamundi do relevo submarino, cuxo traballo abriu novas perspectivas no coñecemento dos océanos e simboliza o espírito científico e valente que o CIM quere reivindicar con esta convocatoria.
A presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, Ana Bernabeu, subliña que “esta iniciativa busca recoñecer e dar visibilidade ao traballo das investigadoras do centro, promover a súa proxección profesional e contribuír a reducir a fenda de xénero que aínda existe nas etapas máis avanzadas das carreiras científicas”. O acto de entrega de premios desta cuarta edición contará tamén cunha mesa redonda na que as galardoadas doutras edicións poderán compartir as súas experiencias.