Saúde, industria, benestar social e medio ambiente son as temáticas dominantes
9000 euros en premios para as mellores teses de doutoramento, Traballos Fin de Máster e Traballos Fin de Grao relacionados coa Axenda 2030, a Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social. A Universidade de Vigo deu a coñecer nas últimas semanas as gañadoras e gañadores duns galardóns cos que a institución premia o compromiso das alumnas e alumnos que decidiron centrar nestas temáticas os seus traballos de fin de estudos, 18 investigacións coas que o alumnado máis comprometido co desenvolvemento sostible quere achegar o seu pequeno gran de area na difícil tarefa de construír un mundo máis xusto.
Se ben os galardóns contan xa con certa tradición na UVigo -acostuman entregarse na gala UVigo-Humana- esta foi a primeira vez na que se incluíron as teses de doutoramento e o resultado foi “moi satisfactorio”, tal e como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen explica que, en total presentáronse aos premios 55 traballos: 20 teses, 20 TFM e 15 TFG, o que supón un “notable incremento” con respecto ao curso pasado, cando se presentaran 29. Ademais de pola cantidade de traballos recibidos, a vicerreitora, presidenta da comisión de selección dos premios, amosou tamén a súa satisfacción pola “excelente calidade” de todos os traballos, “avalados polas cualificacións e polo informe das persoas que os titorizaban ”.
Cun amplo abano de temáticas, “todos resultan interesantes e manifestan unha sensibilización notable cos ODS”, indica Reboreda. Por ámbitos, o que rexistrou unha maior participación foi o de Ciencias Sociais e Xurídicas, cun total 28 traballos presentados (6 teses, 10 TFM e 12 TFG); seguido do de Ciencias e Ciencias da Saúda con 19 (9 teses, 8 TFM e 2 TFG); Enxeñaría e Arquitectura, con 6 (4 teses e 2 TFM); e, por último, Arte e Humanidades, con 2 (1 tese e 1 TFG).