“Os logros acadados son debidos ao apoio e colaboración de moitas persoas"
O catedrático de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo Jesús Doval incorporarase mañá xoves á Real Academia Galega de Ciencias como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas, un recoñecemento a un inxente labor investigador dirixido a resolver problemas vencellados á electrónica industrial e ás tecnoloxías de enerxía eléctrica.
“Este recoñecemento á miña actividade profesional é para min unha honra. Os logros acadados que fixeron que fora elixido para formar parte de esta institución son debidos, de un xeito ou outro, ao apoio e colaboración de moitas persoas que xogaron un papel fundamental na miña evolución como persoa e na miña traxectoria profesional”, explica o docente da Escola de Enxeñería Industrial e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, onde dirixe o grupo APET, Tecnoloxía Electrónica de Potencia Aplicada, centrado en resolver problemas sociais relevantes vencellados á electrónica industrial e ás tecnoloxías de enerxía eléctrica, aplicando os seus resultados á mellora de sectores como o transporte ou a enerxía.
“Falo da familia, compañeiros do grupo de investigación, estudantes de doutoramento, compañeiros da UVigo e de outras entidades coas que colaboro, profesores, estudantes titorizados, persoal de apoio nas actividades desenvoltas”, engade Doval, ao tempo que salienta que como académico da RAGC, colaborará en todas as actividades que se organicen “orientadas á promoción da ciencia e a tecnoloxía que poidan contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia”.
O Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, en colaboración co Consello Social, acaba de lanzar unha macroenquisa para coñecer a situación de empregabilidade das e dos titulados en estudos oficiais da UVigo entre o ano 1990 e 2024. En total, convídase a participar a 117.846 persoas que saíron das aulas da institución académica dende a súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela, é dicir, as 35 promocións comprendidas entre os cursos académicos 1989/1990 e 2023/2024, incluíndo tanto licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías e enxeñarías técnicas como graos, mestrados e programas de doutoramento.
Con este estudo búscase analizar o perfil académico dos antigos estudantes, a súa situación socio-laboral a 1 de xaneiro de 2025, as características do seu emprego, a valoración que fan do seu do traballo, a satisfacción co itinerario académico realizado e co cumprimento das expectativas en relación co ensino superior, así como a súa valoración da inserción laboral.
A Universidade de Vigo é unha institución pública na que se valora o esforzo, o compromiso e o talento, unha universidade que está ao dispor de toda a sociedade para, entre todos e todas, ser quen de acadar un mundo máis xusto, máis igualitario e máis desenvolvido. Esta é a principal mensaxe que lanzou o reitor, Manuel Reigosa, na celebración de San Tomé de Aquino, cerimonia que tivo lugar este martes no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e na que se entregaron máis de 160 distincións académicas, tanto para os egresados e egresadas que acaban de finalizar o seus estudos, ben sexa de grao ou de doutoramento, como para os que inician este curso o seu camiño na UVigo.
“Hoxe celebramos a excelencia a todos os niveis. A excelencia dos que agora arrancan as súas titulacións na Universidade, cheos de ilusión, e dos que finalizan os seus graos e doutoramentos, bo exemplo de todo o traballo que se fai nas facultades e escolas”, subliñou Reigosa, quen lle deu os parabéns a todas a todos e as grazas por ter elixido a institución académica viguesa como lugar “no que facer agromar” o seu talento. Se alguén pode cambiar o mundo son, a xuízo do reitor, “estas persoas que hoxe reciben as súas insignias e medallas”.
Nunha sesión extraordinaria, e primeira do ano 2025, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este venres a relación de persoas distinguidas cos Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2023/2024. En total, 21 investigadores e investigadoras (13 homes e 8 mulleres) de todos os eidos de coñecemento.
No ámbito das humanidades foron galardoadas tres persoas: Iria Seijas Pérez, Jesús Meiriño Gómez e Antía Iglesias Fernández. No eido das ciencias son seis as e os premiados: Amaro Saco Beiroa, Antía González Pereira, Clara Otero Martínez, Pablo Hernández Lucas, Carlos Rafael Vidal e Manuel Alejandro González Fernández. No campo da enxeñaría os cinco galardóns son para Laura Alonso Martínez, Iván Martínez Estévez, David Candal Ventureira, Manuel Casal Guisande e Brais Barros González. Finalmente, no que atinxe ao eido xurídico-social, os premios son para Evelia Murcia Álvarez, Nuno André Pinto de Sousa, Dolores Fiel Varela, Marta González González, Lucas López Manuel, Hugo Pérez Manuel e Andrés Carrera Hortas.
Os Premios Egeria levan dende 2014 apoiando a inclusión da perspectiva de xénero e/ou feminista nos traballos fin de grao, fin de mestrado e teses de doutoramento na Universidade de Vigo. A última edición, correspondente ao curso 2023/2024, recoñeceu os traballos de oito mozas investigadoras, entre elas Andrea Mouriño, Laura Otero e Xoana Abraira, que obtiveron as mellores puntuacións en cada unha das tres categorías, e que debullan no Duvi os seus traballos e as súas sensacións tras saberse gañadoras.
Na categoría de mellor tese de doutoramento con perspectiva de xénero foron premiadas dúas investigadoras, Andrea Mouriño e Almudena Otegi, sendo a primeira a que acadou mellor puntuación por unha traballo sobre a difusión do patrimonio arqueolóxico no noroeste peninsular dende a perspectiva de xénero.
Co obxectivo de mellorar a calidade dos programas de doutoramento que oferta a UVigo e consecuentemente a formación do seu estudantado, o Observatorio de Persoas Tituladas, coa colaboración do Consello Social, está a realizar unha nova enquisa sobre empregabilidade e satisfacción, nesta ocasión centrada nas persoas tituladas en programas de doutoramento no curso académico 2021/2022. “Coa realización desta actividade, ao longo deste ano, o Observatorio completa a medición da empregabilidade do antigo estudantado durante o curso 2021/2022 nas tres tipoloxías de estudos oficiais ofertados pola UVigo: grao, mestrado e doutoramento”, sinala Víctor Manuel Martínez Cacharrón, analista de datos do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo, en relación con esta nova enquisa, na que tamén colaboran a Escola Internacional de Doutoramento (Eido), a Área de Calidade, o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade.
O cuestionario que permitirá coñecer a empregabilidade e situación profesional actual das doutoras e doutores ano e medio despois de rematar os seus estudos na UVigo e confirmar tamén o seu grao de satisfacción coa formación recibida, está dirixido a 148 persoas que realizaron un doutoramento no curso 2021/2022, nalgún dos 32 programas adscritos á Eido. A enquisa está a ser distribuída por correo electrónico entre as e os titulados que consentiron formar parte da base de datos do Observatorio e tamén está a ser divulgada na páxina de LinkedIn, a canle de Youtube a páxina web do observatorio.