Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

“Os logros acadados son debidos ao apoio e colaboración de moitas persoas"

O catedrático de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo Jesús Doval incorporarase mañá xoves á Real Academia Galega de Ciencias como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas, un recoñecemento a un inxente labor investigador dirixido a resolver problemas vencellados á electrónica industrial e ás tecnoloxías de enerxía eléctrica.

“Este recoñecemento á miña actividade profesional  é para min unha honra. Os logros acadados que fixeron que fora elixido para formar parte de esta institución son debidos, de un xeito ou outro, ao apoio e colaboración de moitas persoas que xogaron un papel fundamental na miña evolución como persoa e na miña traxectoria profesional”, explica o docente da Escola de Enxeñería Industrial e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, onde dirixe o grupo APET, Tecnoloxía Electrónica de Potencia Aplicada, centrado en resolver problemas sociais relevantes vencellados á electrónica industrial e ás tecnoloxías de enerxía eléctrica, aplicando os seus resultados á mellora de sectores como o transporte ou a enerxía.

“Falo da familia, compañeiros do grupo de investigación, estudantes de doutoramento, compañeiros da UVigo e de outras entidades coas que colaboro, profesores, estudantes titorizados, persoal de apoio nas actividades desenvoltas”, engade Doval, ao tempo que salienta que como académico da RAGC, colaborará en todas as actividades que se organicen “orientadas á promoción da ciencia e a tecnoloxía que poidan contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia”.

Ler a nova completa no DUVI