A conferencia plenaria correrá a cargo da profesora da Universitat de Barcelona, Helena González
A Facultade de Filoloxía e Tradución volverá converterse este mes en sede dunha nova edición do Coloquio Internacional en Estudos Literarios, unha cita que este curso acada xa a súa terceira edición. Será o vindeiro xoves e venres, 9 e 10 de outubro, nun encontro organizado polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios das Universidades de Vigo e da Coruña, o Grupo de Investigación BiFeGa e a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo.
O evento vai dirixido ás novas investigadoras e investigadores, preferentemente da UVigo e da UdC, mais tamén doutras universidades. Precisamente para favorecer a asistencia da comunidade científica internacional, sobre todo do mundo lusófono, desenvolverase en formato presencial e en liña, o que facilitará a asistencia de numerosos representantes, tanto de universidades portuguesas como brasileiras.
Coordinado polo profesor Burghard Baltrusch, director do grupo BiFeGa, a idea é seguir a promover e afondar na cooperación e no diálogo entre as dúas universidades vencelladas ao Programa de Doutoramento en Estudos Literarios e aos diferentes grupos de investigación asociados, así como facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias das mozas e mozos que se están a incorporar ao mundo da investigación no eido dos estudos literarios e culturais, tanto en Europa como en América.
Repartiranse 5300 euros entre un total de nove galardóns
A Universidade de Vigo abre a convocatoria dunha nova edición dos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero en TFG, TFM e teses para o curso 2024/2025. Estes galardóns, que naceron en 2014 da man da Unidade de Igualdade, teñen como obxecto recoñecer, difundir e premiar os mellores traballos de fin de grao, de mestrado e teses de doutoramento que inclúan a perspectiva de xénero e/ou feminista realizados polo estudantado da institución académica olívica.
Nesta décimo segunda edición mantéñense as mesmas condicións, estrutura e contías que no ano pasado. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o vindeiro 9 de outubro e poden participar todos os alumnos e alumnas da UVigo que teñan presentado o traballo fin de grao ou fin de mestrado no curso 2024/2025 cunha cualificación mínima de 9 ou que teñan defendido a tese de doutoramento entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 obtendo a cualificación de “sobresaínte cum laude”.
Este venres día 12 de setembro remata o prazo para presentar candidaturas aos Premios Extraordinarios de Doutoramento, unhas distincións que recoñecen o alto nivel de calidade das teses de doutoramento. Esta convocatoria está destinadas aos traballos defendidos ao longo do curso 2024/2025, en concreto, entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025, sempre e cando acadasen a mención cum laude.
A convocatoria organízase arredor dos campos de avaliación definidos pola CNEAI (Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora). Deste xeito, no eido das Ciencias outorgaranse sete galardóns, dos cales un será para o eido das Matemáticas e Física, outro para Química, outro para Bioloxía Celular e Molecular, outro para Ciencias Biomédicas e tres no eido das Ciencias da Natureza.
Para as teses lidas neste curso 2024/2025
A Universidade de Vigo ten aberto ata o vindeiro 12 de setembro o prazo para concorrer á nova edición dos Premios Extraordinarios de Doutoramento. Esta distinción recoñece o alto nivel de calidade das teses de doutoramento defendidas ao longo do curso 2024/2025 e poden presentarse todos os investigadores e investigadoras que defendesen as súas teses entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025 e que acadasen a mención cum laude.
A convocatoria organízase arredor dos ámbitos de Ciencias; Arte e Humanidades; Enxeñaría e Arquitectura; e Xurídico-Social coa subdivisión destes eidos segundo os campos de avaliación definidos pola CNEAI (Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora). Así, poderase outorgar inicialmente un premio por cada dez teses ou fracción en cada campo CNEAI no que se teñan lido, polo menos, tres teses no curso 2024-25. Se algún campo CNEAI tivera menos de tres teses neste período, a Escola Internacional de Doutoramento da UVigo o agrupará con outro/s segundo a súa afinidade. Estes campos CNEAI son, no eido das Ciencias: Matemáticas e Física; Química; Bioloxía Celular e Molecular; Ciencias Biomédicas e Ciencias da Natureza. No eido da enxeñaría establécense tres: Tecnoloxías Mecánicas e da Produción; Enxeñarías da Comunicación, Computación e Electrónica e Arquitectura, Enxeñaría Civil, Construción e Urbanismo. Xa no eido Xurídico-Social establécense outros catro campos: Ciencias Sociais, Políticas e do Comportamento; Ciencias da Educación; Ciencias Económicas e Empresariais e Dereito e Xurisprudencia. Finalmente, o eido da Arte e as Humanidades comprende outros dous: Historia, Xeografía e Artes e Filosofía, Filoloxía e Lingüística.
- A UVigo acolle, por primeira vez na súa historia, a defensa dunha tese de doutoramento en lingua de signos
- Abre o prazo para optar á nova convocatoria de doutoramentos industriais en empresas e centros tecnolóxicos
- 15 investigadores da UVigo preparan a súa tese a cabalo entre a universidade e a industria
- O Campus Auga convoca axudas de mobilidade para o seu persoal investigador