Os doutoramentos industriais naceron como unha ponte entre o coñecemento da academia e a experiencia do tecido empresarial, un programa que serve para unir estas dúas visións na formación dos futuros profesionais. Coa implicación das universidades e as empresas, ducias de novos investigadores contan xa con esta mención industrial nas súas teses, dez deles no caso da Universidade de Vigo. A estes hai que sumar outros 15 que están actualmente a realizar as súas teses baixo o paraugas da convocatoria pública de axudas impulsada pola Xunta de Galicia a través de GAIN. Dende a posta en marcha desta liña de apoio, a UVigo acadou catro axudas na primeira edición en 2021, unha en 2022, cinco en 2023 e outras cinco en 2024.
A filosofía desta iniciativa é promover a realización de proxectos de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental nos que se enmarque unha tese, en empresas, administracións ou entidades privadas sen ánimo de lucro. O obxectivo final é formar investigadores e investigadoras de alto nivel que poidan contribuír á innovación e ao desenvolvemento tanto da empresas como da academia.
