Co obxectivo de analizar a empregabilidade das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre os anos 1900 e 2024 e comparalo co contexto profesional, empresarial, social e territorial a nivel galego, español e europeo, o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo desenvolveu ao longo de 2025 un estudo que agora ve a luz co título Informe sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre 1990 e 2024.
O informe, pioneiro e único no Sistema Universitario Galego (SUG), e que contou coa colaboración do Consello Social, divulga a información da empregabilidade das 35 promocións de persoas tituladas en toda a historia da UVigo, que suman un total de 119.229 egresadas e egresados, que cursaron na Universidade ciclos extinguidos (licenciaturas, enxeñarías, diplomaturas e enxeñarías técnicas), graos, mestrados e programas de doutoramento.
Taxas de ocupación que superan a media da poboación galega, española e comunitaria; desemprego e taxas de inactividade inferiores ás medias correspondentes da poboación do lugar de residencia; eventualidade laboral ou temporalidade menor que a taxa galega e española, mais maior que a media da UE e incidencia da sobrecualificación inferior á media española e comunitaria son algunhas das conclusións da análise comparativa relativa ás persoas egresadas da UVigo que reflicte o estudo, que este martes foi presentado no edificio Redeiras, polos seus autores, o director do Observatorio e exreitor da UVigo, Luis Espada; o analista de datos Víctor Manuel Martínez Cacharrón, acompañados polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa.
Saúde, industria, benestar social e medio ambiente son as temáticas dominantes
9000 euros en premios para as mellores teses de doutoramento, Traballos Fin de Máster e Traballos Fin de Grao relacionados coa Axenda 2030, a Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social. A Universidade de Vigo deu a coñecer nas últimas semanas as gañadoras e gañadores duns galardóns cos que a institución premia o compromiso das alumnas e alumnos que decidiron centrar nestas temáticas os seus traballos de fin de estudos, 18 investigacións coas que o alumnado máis comprometido co desenvolvemento sostible quere achegar o seu pequeno gran de area na difícil tarefa de construír un mundo máis xusto.
Se ben os galardóns contan xa con certa tradición na UVigo -acostuman entregarse na gala UVigo-Humana- esta foi a primeira vez na que se incluíron as teses de doutoramento e o resultado foi “moi satisfactorio”, tal e como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen explica que, en total presentáronse aos premios 55 traballos: 20 teses, 20 TFM e 15 TFG, o que supón un “notable incremento” con respecto ao curso pasado, cando se presentaran 29. Ademais de pola cantidade de traballos recibidos, a vicerreitora, presidenta da comisión de selección dos premios, amosou tamén a súa satisfacción pola “excelente calidade” de todos os traballos, “avalados polas cualificacións e polo informe das persoas que os titorizaban ”.
Cun amplo abano de temáticas, “todos resultan interesantes e manifestan unha sensibilización notable cos ODS”, indica Reboreda. Por ámbitos, o que rexistrou unha maior participación foi o de Ciencias Sociais e Xurídicas, cun total 28 traballos presentados (6 teses, 10 TFM e 12 TFG); seguido do de Ciencias e Ciencias da Saúda con 19 (9 teses, 8 TFM e 2 TFG); Enxeñaría e Arquitectura, con 6 (4 teses e 2 TFM); e, por último, Arte e Humanidades, con 2 (1 tese e 1 TFG).
O seu proxecto explorará un concepto fundamental na computación cuántica desde as artes visuais.
Estudante de doutoramento na Universidade de Vigo, o artista Andrés Rivas Rodís convertíase este mércores no adxudicatario da primeira Residencia ArtLab IGFAE, promovida pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela e dirixida a conectar a creación contemporánea galega coa investigación punteira no campo da física. A partir de febreiro, este artista e estudante do Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea desenvolverá o seu proxecto Outro e sobre si nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e na Cidade de Cultura, onde será exposto a finais de 2026. Seleccionado de entre unha trintena de candidaturas, segundo informaron desde o Goberno galego, o seu proxecto explorará o concepto da superposición, tema fundamental na teoría e computación cuántica, desde a perspectiva das artes visuais.
Co obxectivo principal de “crear un foro dinámico para a discusión científica interdisciplinar en Química Analítica, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición”, como sinala o catedrático do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da UVigo Jesús Simal-Gándara, Citexvi acollerá o 28 de novembro o II Agri-Enviromental and Food Research Symposium. No transcurso do simposio, que “busca ser un catalizador para o avance científico a través do debate rigoroso e a crítica construtiva”, un total de 24 estudantes de doutoramento do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias da UVigo (AA1) presentarán os seus traballos, articulados arredor de catro eixos principais.
“O primeiro aborda a identificación e avaliación de compostos bioactivos de fontes naturais, como algas, plantas medicinais ou coprodutos agroalimentarios. O segundo eixo emprega modelos biolóxicos, como D. Melanogaster, C. elegans, ou cultivos celulares, para validar efectos antioxidantes, inmunomoduladores ou antiobesidade. Un terceiro pilar aplica técnicas analíticas de vangarda (GC/LC-MS) e modelado computacional (Machine Learning) para a caracterización e cuantificación de contaminantes e nutracéuticos e finalmente, un cuarto eixo explora mecanismos fisiolóxicos, como a epixenética transxeneracional ou a ferroptose inducida por fitoquímicos, ofrecendo unha visión biomecánica do seu impacto na saúde”, detalla Simal.
- O CIM lanza unha nova edición do concurso Marie Tharp para visibilizar o talento feminino na investigación mariña
- Campus Crea enxalza a creatividade como motor da creación artística e da investigación
- O Campus Auga premia o talento investigador en alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal
- Unhas xornadas visibilizan o traballo de novos investigadores e investigadoras en patrimonio cultural