Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lanza a cuarta edición do concurso de vídeos Marie Tharp, unha iniciativa dirixida ás mulleres investigadoras vinculadas ao centro co obxectivo de visibilizar o talento feminino na investigación mariña e fomentar as vocacións científicas en igualdade. O certame conta con un premio de 1500 euros por categoría (predoutoral e posdoutoral), que poderán destinarse á adquisición de material informático ou á asistencia a congresos científicos.

O concurso leva o nome de Marie Tharp, cartógrafa e xeóloga mariña pioneira na elaboración do primeiro mapamundi do relevo submarino, cuxo traballo abriu novas perspectivas no coñecemento dos océanos e simboliza o espírito científico e valente que o CIM quere reivindicar con esta convocatoria.

A presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, Ana Bernabeu, subliña que “esta iniciativa busca recoñecer e dar visibilidade ao traballo das investigadoras do centro, promover a súa proxección profesional e contribuír a reducir a fenda de xénero que aínda existe nas etapas máis avanzadas das carreiras científicas”. O acto de entrega de premios desta cuarta edición contará tamén cunha mesa redonda na que as galardoadas doutras edicións poderán compartir as súas experiencias.

Ler a nova completa no DUVI