A Universidade de Vigo segue a avanzar na internacionalización como unha das súas liñas estratéxicas. Na procura de darse a coñecer, captar alumnado estranxeiro e buscar posibles acordos de colaboración con institucións académicas doutros países, a UVigo participou nos últimos días nas feiras Study in Spain celebradas en Costa Rica, Colombia e Perú.
A vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e o director da Área de Plurilingüísimo, Óscar Ferreiro, asistiron a pasada semana ás feiras celebradas en San José de Costa Rica e Bogotá e esta semana á celebrada en Lima. A participación das universidades españolas nestas feiras vén da man do Sepie, o Servicio Español para la Internacionalización de la Educación. E é que España está á cabeza como destino elixido para realizar estudos universitarios entre o estudantado dos países de América Latina e as feiras constitúen unha ocasión única para difundir a oferta académica da UVigo e realizar accións complementarias de networking.
A vicerreitora valora moi positivamente a participación nestes tres eventos, que tiveron moitísima asistencia, “máis de 3000 persoas en cada unha das cidades” e nos que as e os asistentes “amosaron moito interese” pola Universidade de Vigo. “Estas feiras son un moi bo escaparate para as universidades españolas”, destaca del Pozo, pero fronte a outras institucións académicas máis coñecidas en América Latina “a UVigo esperta moito interese, por unha banda, polos prezos competitivos dos nosos graos, mestrados e doutoramentos e, por outra, polo feito de que a vivenda en Vigo, Ourense e Pontevedra sexa máis asumible respecto das grandes cidades”.
As nanopartículas de metais nobres son unha ferramenta para combater infeccións resistentes
Ana María Vilas Iglesias, enxeñeira industrial, estudante de doutoramento na Escola de Enxeñaría Industrial e investigadora do grupo LaserON do centro de investigación Cintecx da Universidade de Vigo, foi galardoada co terceiro premio do Laser Institute of America á mellor comunicación presentada na 44th International Conference on the Applications of Lasers and Electro-Optics, a maior do mundo no campo do procesamento de materiais láser, celebrada recentemente en Orlando, Florida, EUA.
O traballo de Ana Vilas centrouse na produción de nanopartículas bimetálicas empregando a técnica de ablación e reirradiación láser desenvolvida polo grupo LaserON. “Estou moi emocionada por este premio porque recoñece todo o traballo que levamos facendo desde hai varios anos. Cando era estudante de grao na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e o meu soño era dedicarme á investigación, nin sequera podía imaxinar que sería capaz de facer un traballo tan apaixoante e presentalo nun congreso nos Estados Unidos e recibir un premio así”, explica Vilas.
Participou, con Tiziana Chiusi, no inicio de curso do Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado
Unha inspiración nacida da aversión non é nada novo en literatura, pero no caso de Franz Kafka, o seu exercicio profesional no eido xurídico, que el detestaba, foi unha motivación especialmente produtiva. Tanto é así, que segundo Francisco Pérez de los Cobos, expresidente do Tribunal Constitucional, “resulta imposible imaxinar a obra de Franz Kafka desligada da súa condición de xurista”. O catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense de Madrid fixo esta reflexión este mércores na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no marco da xornada de relatorios que serviu como apertura de curso do Programa de Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado.
A intervención de Pérez de los Cobos xirou arredor da relación de Kafka co dereito, prestando especial atención á análise xurídica de A metamorfose. O evento arrancou coas intervencións de Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; Antonio Collazo, director da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo e Pablo Raúl Bonorino, coordinador do Programa de Doutoramento, que foron os encargados de dar a benvida aos poñentes e asistentes que ateigaron o salón de graos da facultade e de presentar as novas liñas de investigación do programa.
A xornada contou tamén coa participación de Tiziana Chiusi, catedrática de Dereito civil, Dereito romano e Dereito europeo comparado, directora do Instituto de Dereito Europeo e docente na Universidade do Sarre (Alemaña), que ofreceu un relatorio sobre os lugares da memoria en Europa, lugares fundadores da identidade europea.
O curso pasado concedéronse 37 bolsas para fin de grao, 23 para fin de mestrado e catro para teses
A presenza do galego no eido da investigación e a ciencia é escaso e para mudar esa situación son precisas de medidas de apoio, fomento e impulso ao uso da lingua propia neste eido. Entre outras iniciativas, a Universidade de Vigo conta cunha liña de axudas para redactar e defender en galego teses de doutoramento, traballos de fin de grao e de mestrado. Ao abeiro desta convocatoria, o curso pasado concedéronse 37 bolsas para traballos de fin de grao, 23 para traballos de fin de mestrado e catro para teses de doutoramento.
As persoas interesadas en concorrer a estas axudas impulsadas pola Área de Normalización Lingüística xa teñen aberto o prazo da nova convocatoria, para investigacións presentadas na Universidade de Vigo entre o 16 de setembro de 2024 e o 15 de setembro de 2025. Como vén sendo habitual, quedan excluídos os traballos fin de grao de Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega); Tradución e Interpretación (galego-inglés) e Tradución e Interpretación (galego-francés).
En total repartiranse 12.000 euros, 600 euros para os autores e autoras das mellores teses e 150 para os TFG e os TFM. Trátase non só de incentivar o uso do galego nos traballos académicos, senón tamén de premiar o esforzo e o rigor de darlle un tratamento coidadoso á lingua incrementando así o patrimonio dos textos redactados.
- Filoloxía e Tradución acollerá a vindeira semana un encontro internacional sobre estudos literarios e culturais
- Aberto o prazo para presentar candidaturas aos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero no TFG, TFM e teses
- Últimos días para concorrer aos Premios Extraordinarios de Doutoramento
- Aberto o prazo para concorrer aos Premios Extraordinarios de Doutoramento