Xa se tiñan defendido na Universidade de Vigo diferentes teses de doutoramento sobre Lingua de Signos Española, LSE, pero ata agora nunca se lera ningunha nesta lingua. Fíxoo María Luz Esteban Saiz, sociolingüista xorda con máis de 30 anos de traxectoria profesional e, desde agora, autora da primeira tese de doutoramento defendida na UVigo en lingua de signos, unha investigación de grande alcance social na que se sitúa e pon de relevo a política lingüística da lingua de signos española desde 1980 ata a actualidade.
A tese, dirixida pola catedrática Mª del Carmen Cabeza Pereiro, defendeuse na Facultade de Filoloxía e Tradución o pasado 11 de xullo nun acto, “tremendamente emotivo”, no que a lingua signada foi a gran protagonista e no que a autora, directora desde 2011 do Centro de Normalización Lingüística de la Lengua de Signos Española, CNLSE, estivo arroupada por numerosos compañeiros e compañeiras, así como docentes que non quixeron perderse unha data tan especial, tendo en conta que en España o número de persoas xordas que teñen un doutoramento non chega a unha ducia. “Agardo que este acto axude a que máis persoas xordas se animen a doutorarse no campo da lingua de signos e os estudos xordos”, subliñou a autora, ao que Cabeza engadiu que esta tese é tamén a primeira que se defende en Galica "por unha persoa xorda que defende en lingua de signos".
A Xunta acaba de abrir o prazo para optar ás axudas para a contratación de 15 estudantes de doutoramento industrial en empresas e centros tecnolóxicos. Os detalles da nova convocatoria foron presentados este venres no edificio Redeiras por María José Mariño Fontenla, directora da Área de Talento e Transferencia da Gain e poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.
Esta é a quinta edición do programa Doutoramentos Industriais, dotado con máis de 2,6M€ para apoiar a contratación de 15 investigadores das tres universidades galegas en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese doutoral. Este ano, como novidade, o orzamento increméntase case en 1M€ e a duración das axudas pasa de tres a catro anos, co obxectivo de reforzar a competitividade e o atractivo desta liña de apoio para a formación de persoal.
Os doutoramentos industriais naceron como unha ponte entre o coñecemento da academia e a experiencia do tecido empresarial, un programa que serve para unir estas dúas visións na formación dos futuros profesionais. Coa implicación das universidades e as empresas, ducias de novos investigadores contan xa con esta mención industrial nas súas teses, dez deles no caso da Universidade de Vigo. A estes hai que sumar outros 15 que están actualmente a realizar as súas teses baixo o paraugas da convocatoria pública de axudas impulsada pola Xunta de Galicia a través de GAIN. Dende a posta en marcha desta liña de apoio, a UVigo acadou catro axudas na primeira edición en 2021, unha en 2022, cinco en 2023 e outras cinco en 2024.
A filosofía desta iniciativa é promover a realización de proxectos de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental nos que se enmarque unha tese, en empresas, administracións ou entidades privadas sen ánimo de lucro. O obxectivo final é formar investigadores e investigadoras de alto nivel que poidan contribuír á innovación e ao desenvolvemento tanto da empresas como da academia.
O Campus Auga abre unha nova liña de axudas propias. Trátase de axudas de mobilidade para o persoal investigador asociado a este proxecto de especialización do campus de Ourense. O obxectivo desta iniciativa é contribuír ao intercambio de coñecemento e á mellora e internacionalización da actividade investigadora deste colectivo relacionada coas liñas estratéxicas do Campus Auga, que son alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal.
A mobilidade de persoal investigador do Campus Auga é unha acción que se desenvolve no marco do financiamento do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense (2024-2027). A iniciativa lanzada agora ten como obxecto financiar parcialmente as estadías en centros de investigación do persoal investigador que cumpra os requisitos requiridos. O importe de cada axuda concedida será de ata un máximo de 3000 euros, segundo o destino elixido.
- A UVigo lidera un Erasmus BIP sobre bilingüismo e multilingüismo dende unha perspectiva integradora
- O investigador Jordi Borràs, da Universitat Politècnica de Catalunya, gaña o Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento
- A feira de emprego do campus reúne arredor de 70 entidades e 400 estudantes
- Jesús Doval ingresa na Real Academia Galega de Ciencias en recoñecemento ao seu inxente labor investigador