Co obxectivo de analizar a empregabilidade das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre os anos 1900 e 2024 e comparalo co contexto profesional, empresarial, social e territorial a nivel galego, español e europeo, o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo desenvolveu ao longo de 2025 un estudo que agora ve a luz co título Informe sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre 1990 e 2024.
O informe, pioneiro e único no Sistema Universitario Galego (SUG), e que contou coa colaboración do Consello Social, divulga a información da empregabilidade das 35 promocións de persoas tituladas en toda a historia da UVigo, que suman un total de 119.229 egresadas e egresados, que cursaron na Universidade ciclos extinguidos (licenciaturas, enxeñarías, diplomaturas e enxeñarías técnicas), graos, mestrados e programas de doutoramento.
Taxas de ocupación que superan a media da poboación galega, española e comunitaria; desemprego e taxas de inactividade inferiores ás medias correspondentes da poboación do lugar de residencia; eventualidade laboral ou temporalidade menor que a taxa galega e española, mais maior que a media da UE e incidencia da sobrecualificación inferior á media española e comunitaria son algunhas das conclusións da análise comparativa relativa ás persoas egresadas da UVigo que reflicte o estudo, que este martes foi presentado no edificio Redeiras, polos seus autores, o director do Observatorio e exreitor da UVigo, Luis Espada; o analista de datos Víctor Manuel Martínez Cacharrón, acompañados polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa.