Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

O título proposto inicialmente no Plan de investigación é o título definitivo da tese?
Non, debe reflectir o ámbito temático da tese, pero poderá modificarse durante o desenvolvemento da tese sempre que respecte o citado ámbito temático. A súa modificación implicará a modificación do Plan de investigación e será necesaria a valoración positiva da persoa que titorice ou dirixa a tese (perfil autorizado) e pola Comisión Académica do Programa de doutoramento.

Cal é o tempo máximo para levar a cabo a tese de doutoramento?
Se a dedicación é a tempo completo, o máximo son catro anos naturais e sete a tempo parcial a contar dende a data de matrícula ata a data do depósito. Se a matrícula é a tempo completo pode solicitar unha prórroga por un ano, e si é a tempo parcial será por dous anos.

Hai un tempo mínimo para realizar a tese?
A duración mínima dos estudos de doutoramento será, a tempo completo, de 18 meses, e no caso de concurrencia de periodos de tempo completo e a tempo parcial, o que corresponda segundo o indicado para o cálculo total do cómputo aplicando a seguinte fórmula: Tempo total = tempo en dedicación completa + 0,571 tempo en dedicación parcial

Unha vez depositada a tese de doutoramento é posible modificala?
Unha vez que estea en exposición pública, non poderán facerse modificacións.

Contabilizan as baixas por enfermidade como tempo de dedicación ao doutoramento?
Non, as baixas por enfermidade non contabilizan. O/a doutorando/a poderá solicitarlle á CAPD a baixa temporal no programa por enfermidade, nacemento, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo, risco durante a lactación, atención a persoas dependentes, violencia de xénero, circunstancias xeopolíticas ou calquera outra situación contemplada na normativa vixente. As peticións deberán ser acreditadas documentalmente e dirixidas ao Servizo de Xestión Académica, quen resolverá a solicitude e informará á CAPD. A duración da baixa será determinada pola causa daquela, segundo as directrices marcadas polo Servizo de Xestión Académica.

Prazo para ler a tese
A defensa pública deberá realizarse nun prazo máximo de tres meses desde a autorización da defensa polo órgano designado pola Escola de Doutoramento (Comisión Permanente da EIDO), salvo causas debidamente xustificadas. Si se supera este prazo, deberán iniciarse de novo os trámites de autorización da tese para a súa defensa.

Tribunal da tese
A proposta do tribunal correspóndelle á CAPD, despois de oír o director/a da tese (ou de ser o caso, o titor/a). Propoñerá unha relación de sete membros do tribunal que avaliarán a tese. A Comisión Permanente da EIDO aprobará e nomeará un tribunal de cinco membros de entre os sete membros propostos pola CAPD. Estes membros cumprirán co criterio de paridade e de externalidade e a proposta non poderá incluír máis de dous membros por institución.

Quen non pode formar parte do tribunal?
En ningún caso poderán formar parte do tribunal o/a director/a ou codirector/a da tese nin,de ser o caso, o/a titor/a, agás nos casos de teses presentadas no marco de acordos bilaterais de cotutela con universidades estranxeiras que así o teñan previsto ou nos casos de teses presentadas en programas de doutoramento conxuntos con universidades estranxeiras, en virtude dos correspondentes convenios.
Tampouco poderán formar parte do tribunal as persoas coautoras das publicacións derivadas da tese nin a persoa responsable da estadía.

Cantos artigos debe incluír unha tese por compendio?
A tese debe incluír un mínimo de tres artigos de investigación, publicados ou con aceptación definitiva para a súa publicación. Os artigos deben estar editados en revistas indexadas na listaxe do ámbito correspondente do Journal Citation Reports (SCI e/ou SSCI). Nas áreas en que non sexa aplicable este criterio, poderá substituírse polas bases relacionadas pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) para estas áreas.

O profesorado xubilado pode formar parte do tribunal?
O profesorado dos corpos docentes universitarios poderá formar parte dos tribunais de teses de doutoramento aínda que estean en situación de excedencia, xubilación, servizos especiais ou en comisión de servizos.

Que se pode facer se se quere publicar un artigo inmediatamente despois de ler a tese para evitar os conflitos cando unha editorial se nega a publicalo porque a tese xa está publicada en aberto?
A Lei determina que as teses deben publicarse en aberto. Non obstante, en caso de conflito, existe a posibilidade de solicitar o aprazamento da publicación da tese en aberto. Nas teses por compendio de artigos non existe este problema porque os traballos xa foron aceptados previamente para a súa publicación e así se fai constar ao publicar a tese.

É posible obter a mención internacional e a industrial?
Si, é posible sempre e cando se cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha delas. A empresa na que se traballa ten que estar de acordo en que o/a doutorando/a realice unha estadía de investigación de polo menos tres meses nun centro de educacíon superior ou investigacón estranxeiro.

Pódese solicitar a admisión en varios programas de doutoramento?
Si, enviando una solicitude de preinscrición por cada un dos programas solicitados. En caso de ser admitido en varios, a matrícula só poderá realizarse nun deles.

Quen pode dirixir a tese?
Poderán dirixir teses de doutoramento todas as persoas doutoras españolas ou estranxeiras con experiencia investigadora acreditada, sempre e cando estean autorizadas pola Comisión Académica do Programa de doutoramento. No caso de que non pertenza ao programa (consultar os recursos humanos en cada Programa de doutoramento), deberá ter un/unha titor/a dentro do programa e que non incorra en calquera das causas de abstención establecidas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

É posible cambiar de director/a ou codirector/a da tese de doutoramento?
Si, sempre que a Comisión Académica o autorice, por motivos xustificados, oídos o doutorando e o director/a ou codirectores/as durante os dous primeiros anos de formación. Excepcionalmente, poderá realizarse con posterioridade, para o cal contará coa aprobación da escola de doutoramento. En ningún caso se modificará a asignación da dirección para deixala vacante.

Que é TESEO?
TESEO é unha base de datos coa información das teses de doutoramento. A páxina do Ministerio de Educación está creada para permitirlles ás persoas que se doutoren no futuro, introducir os datos da súa tese no sistema. O sistema controlará os distintos pasos polos que pasa a tese e, unha vez aprobada esta, quedará almacenada no sistema para poder ser consultado dende Internet.

Que se entende por perfil autorizado?
É a persoa que, sendo director ou titor dun doutoramento, se encarga de dar traslado á aplicación informática e de xestionar as distintas actividades achegadas polo alumnado para o seu documento de actividades e o plan de investigación.

Cantas persoas poden codirixir unha tese?
O número máximo de persoas que poderán exercer a dirección dunha tese será de dúas, agás nas seguintes circunstancia nas que poderá ser de tres:

a) Cando a tese sexa de carácter claramente interdisciplinario.
b) Cando a tese se desenvolva no marco dun proxecto de investigación nacional ou 
internacional obtido mediante convocatoria competitiva en colaboración con outro centro 
ou institución nacional ou estranxeira.
c) Cando a tese se desenvolva en réxime de cotutela con máis dunha universidade 
estranxeira.
d) Cando a tese opte a mención de doutoramento industrial.
e) Cando a tese teña un/ha codirector/a dunha institución estranxeira.

Hai algún modelo para os informes dos expertos das teses que optan á mención internacional e os avaliadores externos?
Si, contamos con un formulario oficial en galego, español, inglés e portugúes, que debe presentarse asinado polo autor e validado pola CAPD do programa