Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Para o depósito da tese de doutoramento débese solicitar o acceso ao enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. e á Área de Posgrao do centro no que teña a sede o programa de doutoramento que estea a cursar.

O depósito da tese farase de forma telemática a través da Secretaría Virtual.

 

Requisitos previos

  • A persoa debe estar matriculada no curso académico actual
  • Os datos da tese serán incorporados directamente pola administración na base de datos TESEO 
  • Contar coa avaliación dun plan de investigación actualizado, acompañado dos informes favorables da titoría e da dirección da tese
  • O título do plan de investigación, aprobado na última avaliación anual, e o título da tese deben ser coincidentes
  • O documento de actividades actualizado, coas avaliacións anuais que correspondan e, se é o caso, das actividades formativas obrigatorias e outros requirimentos específicos da memoria de verificación do programa de doutoramento
  • Compromiso documental de supervisión debidamente asinado

A tese de doutoramento

  • Logo de rematar a elaboración da tese e tras o informe favorable da persoa ou persoas que a dirixen e, no seu caso, do/a titor/a, o/a doutorando/a solicitaralle á CAPD o seu depósito, e a autorización para defendela de acordo co procedemento establecido en cada caso.
  • Enviarase á Área académica competente o exemplar da tese e a documentación xustificativa das mencións que non estea xa recollida no sistema.
  • Este exemplar respectará as normas de estilo vixentes e empregaranse os seguintes modelos (non levará ningunha sinatura):
  • Esta solicitude de depósito paraliza provisionalmente o cómputo máximo para o depósito da tese, por un tempo non superior a 4 meses.
  • A CAPD dispoñerá dun prazo máximo de dous meses desde a solicitude de depósito da tese pola persoa para a remisión á EIDO do seu informe de autorización da tese para a súa defensa.
  • Presentar toda a documentación requirida no caso de que se solicite a mención internacional, a mención de doutoramento industrial, a mención de cotutela e/ou tese que conteña publicacións.
  • A EIDO establecerá o procedemento para verificar que a documentación está completa, que o formato da tese é axeitado e que a orixinalidade da investigación está garantida, para o cal poderá utilizarse un programa antiplaxio.
  • Unha vez autorizada a presentación da tese para defendela por parte da CAPD, esta informará á EIDO e remitiralle unha proposta da composición do tribunal que xulgará a tese aprobada pola CAPD, formado por doutores/as especialistas na materia da tese de doutoramento, con experiencia investigadora acreditada.
  • Unha vez recibida toda a documentación da tese e logo de revisar pola unidade competente que o expediente está completo e correcto, abrirase un período de exposición pública de dez días hábiles en período lectivo.
  • No caso de teses suxeitas a protección de datos, presentaranse dúas versións. Unha reducida, na que se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difusión, segredo ou confidencialidade e outro exemplar completo que quedará arquivado na universidade baixo o compromiso de confidencialidade. O exemplar reducido será o que se deposite para a súa consulta pola comunidade científica e a versión completa, entregaráselle ao tribunal para a súa avaliación.

Tribunal

A CAPD, despois de oír á dirección da tese (e/ou de ser o caso, á titoría), proporá unha relación de sete membros do tribunal para avaliar a tese.

Todas as persoas membro serán doutoras con experiencia investigadora acreditada ou cumprimento no momento da solicitude ou unha solicitude anterior.

O tribunal estará formado por unha maioría de membros externos á universidade ou institucións participantes no programa, e cumprirá os requisitos de paridade e externalidade.

O tribunal, será nomeado pola EIDO entre as persoas especialistas propostas pola CAPD e estará constituído por tres persoas titulares e dúas suplentes.

No caso de que a tese conteña publicacións literalmente transcritas, as persoas coautoras non se considerarán alleas a universidade para os efectos da limitación dun membro por institución.

Tese que inclue artigos de investigación

A tese de doutoramento poderá conter un conxunto de traballos que o doutorando/a ten publicados ou que contan coa aceptación definitiva para a súa publicación.

A Universidade recoñecerá como "tese por compendio de publicacións" cando, ademais de cumprirse todo o previsto no artigo 41 do Regulamento de Estudos de Doutoramento a tese inclúa un mínimo de tres artigos de investigación publicados ou con aceptación definitiva para a súa publicación. Os artigos deben estar editados en revistas indexadas na listaxe do ámbito correspondente do Journal Citation Reports ou, en caso de que non sexa aplicable este criterio, poderá substituirse polas bases relacionadas pola CNEAI para estas áreas.

A Comisión Permanente da EIDO na sesión do 26/06/2025 adoptou o seguinte acordo que entrará en vigor o 01/10/2025:

No caso de teses que inclúen artigos de investigación, a tese poderá conter un conxunto de traballos que o/a doutorando/a ten publicados, ou que contan coa aceptación definitiva para a súa publicación. Segundo o indicado no artigo 42 do Regulamento de Estudos de Doutoramento, o texto da tese que coincida cos traballos publicados seguirá as mesmas normas de arquivo ca os propios traballos, polo que soamente pode depositarse o post-print dos artigos, que pode ser a versión enviada polo/a autor/a antes da publicación, a versión publicada polo/a editor/a ou calquera outra que determine a política de copyright e autoarquivo da revista/editorial. Non está permitida a inclusión como artigos de traballos non publicados ou que non conten coa aceptación definitiva para a súa publicación.

 

Documentación adicional que se debe aportar:

  • Informe da ou das persoas que dirixen a tese, coa aprobación da comisión académica do programa de doutoramento, o cal debe especificar:
    • A idoneidade da presentación da tese baixo esta modalidade.
    • Os indicios de calidade das publicacións presentadas.
    • A contribución da persoa estudante de doutoramento, se hai máis coautoras.
  • Autorización da revista/editorial para o uso da publicación na tese de doutoramento. No caso de non ter esa autorización, presentará a aceptación por escrito dos coautores/as de que o doutorando presente o traballo como parte da tese. Recomendase que neste caso figuren como anexos.
  • De non contar coa autorización das revistas, o doutorando proverá unha versión publicable da tese para o repositorio institucional Investigo, sen os artigos que non conten coa devandita autorización. Nesta versión substituiranse os artigos pola súa referencia bibliográfica completa xunto co enlace directo ao artigo. Se os artigos están publicados en revistas de acceso aberto xa poden incluirse sen máis.

A tese debe presentarse conforme á seguinte estrutura:

  • Introdución
  • Obxectivos que se deben acadar
  • Discusión xeral que dote de coherencia e unidade aos diferentes traballos
  • Conclusións e bibliografía común
  • Copia íntegra das publicacións

Mención doutoramento internacional

Acreditarase coa presentación da seguinte documentación:

  • 2 informes favorables previos á presentación da tese de 2 persoas expertas doutoras pertencentes a algunha institución de educación superior ou instituto de investigación non español. Nos informes deberá identificarse claramente a Institución que os emite mediante o seu anagrama ou logotipo, a persoa que o emite coa súa sinatura e selo. De non aparecer debidamente identificada a institución, os informes non serán admitidos
  • Acreditación dunha estadía mínima de 3 meses fóra de España nunha institución de ensino superior ou centro de investigación de prestixio.
  • Escrito da dirección da tese que avale a estadía.
  • Escrito da CAPD do programa de doutoramento que autorice a estadía

Parte da tese (obrigatoriamente como mínimo a introdución, o resumo e mais as conclusións) deberá estar escrita e defenderse nunha das linguas habituais para a comunicación científica no seu campo de coñecemento, distinta a calquera das linguas oficiais en España (a excepción dos países de fala hispana).

A Comisión Permanente da EIDO na sesión do 26/06/2025 adoptou o seguinte acordo que entrará en vigor o 01/10/2025:

Segundo o artigo 43 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da Universidade de Vigo, no caso de teses con mención de Doutoramento internacional polo menos a introdución, o resumo e as conclusións redactaranse nunha das linguas habituais para a comunicación científica no seu campo de coñecemento, distinta a calquera das linguas oficiais en España. A sección de introdución incluirá a contextualización do tema, os motivos do estudo e a súa relevancia, o estado da arte ou marco teórico da tese, os modelos relevantes e os comentarios sobre a estrutura do documento e comprenderá todos os capítulos situados entre o resumo e os obxectivos da tese.

 

O tribunal debe conter polo menos unha persoa experta e doutourada pertencente a algunha institución de educación superior ou centro de investigación non español. Esta persoa será distinta da persoa responsable da estadía (as mesmas condicións rexen para os suplentes do tribunal) e das informantes externas da tese.

Mención doutoramento industrial

Outorgarase a mención de doutoramento industrial sempre que concorran as seguintes circunstancias:

  • A existencia dun contrato laboral ou administrativo nunha empresa do sector público ou privado ou por unha administración pública. Non pode ser unha universidade
  • Por acordo da Comisión Permanente do 22 de novembro de 2017, a anterior esixencia concrétase nun mínimo de dous anos a tempo completo (ou o seu equivalente a tempo parcial)
  • Que a tese se faga no marco dun proxecto de investigación oficial que se desenvolva na empresa. Esta circunstancia ten que acreditarse e explicarse nunha memoria que terá que contar co visto e prace da CAPD

No caso de que o proxecto se desenvolva en colaboración coa universidade, debe existir un convenio que regule esta colaboración, incluíndo o procedemento de selección da persoa doutorada.

Opcionalmente disporemos dun borrador de convenio para o desenvolvemento dun doutoramento industrial. Este convenio asínao a empresa, a universidade e a persoa doutorada. Non é obrigatorio, pero pode ser útil para regular os aspectos da propiedade industrial, propiedade intelectual e a confidencialidade.

Tese en cotutela internacional

A tese poderá realizarse en réxime de cotutela internacional sempre que concorran as seguintes circunstancias:

  • A tese de doutoramento estea supervisada por dous/dúas ou máis doutores/as de dúas universidades, a Universidade de Vigo e outra estranxeira, que formalizarán un convenio de cotutela.
  • Durante o período de formación necesario para obter o título de doutor/a, o/a doutorando/a desenvolvera unha estadía mínima de seis meses na institución coa que se establece o convenio de cotutela, facendo traballos de investigación nun só período ou en varios. As estadías e mais as actividades reflectiranse no convenio de cotutela.

Asinarase un convenio marco entre a Universidade de Vigo e a institución interesada que estableza as liñas xerais de cooperación. Para cada cotutela que se poña en funcionamento asinarase, nos primeiros dous anos de formación doutoral, un convenio específico baseado no principio da reciprocidade que terá unha duración máxima de catro anos.

O/A doutorando/a matricularase en cada unha das institucións e cumprirá cos requisitos formativos dos programas de ambas as institucións. O tempo de preparación da tese non será superior a catro anos desde a sinatura do convenio específico e repartirase entre as dúas institucións por períodos de estadía alternativos en cada unha delas. O tempo de estadía mínimo nunha das dúas institucións non será inferior a seis meses, e completarase o período restante na outra. A devandita estadía poderá realizarse dunha soa vez ou en varios períodos.

En virtude do convenio de cotutela, e sobre a base dunha única defensa da tese de doutoramento, cada universidade comprométese, se así se acorda, a expedir o seu propio título de doutor/a correspondente, tras o pagamento dos dereitos de expedición, e con indicación da existencia da cotutela mediante o procedemento previsto na regulación de cada institución. Unha vez admitida a trámite a tese, o tribunal ante o que se deba defender será proposto segundo o que se teña acordado no convenio específico de cotutela.

Prazos

  • Prazo de depósito e exposición pública da tese: 10 días hábiles en período lectivo a partir da revisión administrativa, período no que calquera persoa doutora poderá consultar a tese ou facer alegacións.
  • Debido á cantidade de documentos e comprobacións necesarias, consonte ao establecido na regulación actual (R.D. 99/2011), cómpre ter en conta que poden ser precisos varios días desde a entrega da documentación ata que se efectúe o depósito. Este só será efectivo unha vez comprobado todo o expediente e cando se publique na web e se notifique á persoa interesada.
  • Aprobación na Comisión Permanente da EIDO, a cal autoriza a admisión a trámite da tese e nomea o tribunal.
  • A presidencia do tribunal convocará e a secretaría comunicará a data, hora e lugar da lectura da tese cunha antelación mínima de 10 días hábiles a partir da notificación.
  • 5 días hábiles posteriores ao día de exposición e defensa da tese para a remisión da documentación, da que será responsable a secretaría do tribunal ou a docente en quen delegue.

Lectura de tese e defensa pública

Cualificacións: non apto, aprobado, notable, sobresaínte.
Mención cum laude, mediante voto segredo dos membros do tribunal (require unanimidade de votos positivos).
Duración da tramitación: a defensa pública deberá ter lugar nun prazo máximo de tres meses desde a autorización da defensa.

Solicitude do título

Despois da defensa da tese e da entrega das actas pola secretaría do tribunal ou persoa que se indique (pode achegarse a través do correo interno ou do rexistro xeral de cada campus), a persoa estudante pode solicitar o título de persoa doutora no servizo de posgrao presentando:

  • Fotocopia do NIF en vigor
  • Partida de nacemento se a persoa interesada é estranxeira
  • Copia das titulacións de acceso (só no caso de que as titulacións non sexan expedidas pola Universidade de Vigo) e orixinais para cotexo.

Formularios de tese