Repartiranse 5300 euros entre un total de nove galardóns
A Universidade de Vigo abre a convocatoria dunha nova edición dos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero en TFG, TFM e teses para o curso 2024/2025. Estes galardóns, que naceron en 2014 da man da Unidade de Igualdade, teñen como obxecto recoñecer, difundir e premiar os mellores traballos de fin de grao, de mestrado e teses de doutoramento que inclúan a perspectiva de xénero e/ou feminista realizados polo estudantado da institución académica olívica.
Nesta décimo segunda edición mantéñense as mesmas condicións, estrutura e contías que no ano pasado. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o vindeiro 9 de outubro e poden participar todos os alumnos e alumnas da UVigo que teñan presentado o traballo fin de grao ou fin de mestrado no curso 2024/2025 cunha cualificación mínima de 9 ou que teñan defendido a tese de doutoramento entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 obtendo a cualificación de “sobresaínte cum laude”.