Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Aborda un dos retos centrais nas comunicacións sen fíos, a mitigación das interferencias

O investigador Jordi Borràs Pino acaba de ser recoñecido co Premio atlanTTic á mellor tese de doutamento no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación, un galardón convocado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, en colaboración coa sección española do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers). Este galardón, que acada a súa segunda edición, recoñece o traballo de investigación máis destacado neste ámbito realizado en universidades españolas durante o ano 2023. A tese de Borrás, realizada na Universitat Politècnica de Catalunya, aborda un dos retos centrais nas comunicacións sen fíos, a mitigación das interferencias sen coñecemento previo da rede nin coordinación entre transmisores e receptores.

O acto de entrega do galardón celebrouse este luns na sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero e contou coa participación do reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e o subdirector do centro, Luis M. Álvarez Sabucedo. Todos os presentes sumáronse aos parabéns ao gañador, polo mérito e calidade científica do seu traballo, recoñecendo que o esforzo en etapas iniciais da carreira investigadora é esencial para construír futuro.

O reitor, destacou que a consolidación deste premio “é unha mostra do compromiso do centro atlanTTic e da UVigo coa investigación de excelencia e co apoio ao talento novo, e permítenos visibilizar o traballo que se fai desde universidades e centros punteiros en toda España”. Belén Rubio tamén quixo resaltar que “este galardón é un grande exemplo do tipo de accións que queremos apoiar desde a Universidade de Vigo: iniciativas que fomenten a excelencia, a transferencia e o avance do coñecemento, especialmente en ámbitos tan importantes para o progreso da sociedade como son as telecomunicacións”.

Pola súa banda, Martín Llamas, agradeceu a todas as persoas que fan posible que este premio siga medrando, e resaltou que “desde atlanTTic apostamos por recoñecer aquelas achegas que marcan a diferenza no ámbito das telecomunicacións. Este recoñecemento non só celebra a calidade dunha tese senón que tamén contribúe a conectar xeracións de investigadores e a proxectar talento ao mundo. É unha honra poder contar co apoio do IEEE e da Universidade de Vigo nesta iniciativa”. 

 

Ler a nova completa no DUVI