Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Para as teses lidas neste curso 2024/2025

A Universidade de Vigo ten aberto ata o vindeiro 12 de setembro o prazo para concorrer á nova edición dos Premios Extraordinarios de Doutoramento. Esta distinción recoñece o alto nivel de calidade das teses de doutoramento defendidas ao longo do curso 2024/2025 e poden presentarse todos os investigadores e investigadoras que defendesen as súas teses entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025 e que acadasen a mención cum laude.

A convocatoria organízase arredor dos ámbitos de Ciencias; Arte e Humanidades; Enxeñaría e Arquitectura; e Xurídico-Social coa subdivisión destes eidos segundo os campos de avaliación definidos pola CNEAI (Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora). Así, poderase outorgar inicialmente un premio por cada dez teses ou fracción en cada campo CNEAI no que se teñan lido, polo menos, tres teses no curso 2024-25. Se algún campo CNEAI tivera menos de tres teses neste período, a Escola Internacional de Doutoramento da UVigo o agrupará con outro/s segundo a súa afinidade. Estes campos CNEAI son, no eido das Ciencias: Matemáticas e Física; Química; Bioloxía Celular e Molecular; Ciencias Biomédicas e Ciencias da Natureza. No eido da enxeñaría establécense tres: Tecnoloxías Mecánicas e da Produción; Enxeñarías da Comunicación, Computación e Electrónica e Arquitectura, Enxeñaría Civil, Construción e Urbanismo. Xa no eido Xurídico-Social establécense outros catro campos: Ciencias Sociais, Políticas e do Comportamento; Ciencias da Educación; Ciencias Económicas e Empresariais e Dereito e Xurisprudencia. Finalmente, o eido da Arte e as Humanidades comprende outros dous: Historia, Xeografía e Artes e Filosofía, Filoloxía e Lingüística.

 

Ler a nova completa no DUVI