Participou, con Tiziana Chiusi, no inicio de curso do Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado
Unha inspiración nacida da aversión non é nada novo en literatura, pero no caso de Franz Kafka, o seu exercicio profesional no eido xurídico, que el detestaba, foi unha motivación especialmente produtiva. Tanto é así, que segundo Francisco Pérez de los Cobos, expresidente do Tribunal Constitucional, “resulta imposible imaxinar a obra de Franz Kafka desligada da súa condición de xurista”. O catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense de Madrid fixo esta reflexión este mércores na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no marco da xornada de relatorios que serviu como apertura de curso do Programa de Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado.
A intervención de Pérez de los Cobos xirou arredor da relación de Kafka co dereito, prestando especial atención á análise xurídica de A metamorfose. O evento arrancou coas intervencións de Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; Antonio Collazo, director da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo e Pablo Raúl Bonorino, coordinador do Programa de Doutoramento, que foron os encargados de dar a benvida aos poñentes e asistentes que ateigaron o salón de graos da facultade e de presentar as novas liñas de investigación do programa.
A xornada contou tamén coa participación de Tiziana Chiusi, catedrática de Dereito civil, Dereito romano e Dereito europeo comparado, directora do Instituto de Dereito Europeo e docente na Universidade do Sarre (Alemaña), que ofreceu un relatorio sobre os lugares da memoria en Europa, lugares fundadores da identidade europea.