Estes programas exprés combinan unha fase presencial no estranxeiro cunha parte virtual colaborativa
A Universidade de Vigo está a desenvolver o seu primeiro Erasmus BIP, Blended Intensive Programme, unha iniciativa de mobilidade de curta duración que combina de xeito innovador unha fase presencial no estranxeiro cunha parte virtual de aprendizaxe colaborativa en liña. A primeira destas iniciativas liderada pola universidade olívica é Multilingualism: An integrative approach, programa coordinado por Dolores González, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.
Como explica a docente, estas mobilidades “teñen unha duración total de entre 5 e 30 días e inclúen métodos como a aprendizaxe por retos ou baseados en problemas, nos que equipos transnacionais traballan xuntos para abordar retos, neste caso vencellados ao multilingüismo”. Para garantir valor engadido, salienta, “deben involucrar polo menos tres institucións de educación superior de diferentes países do programa Erasmus+, contar cun mínimo de 10 e un máximo de 20 participantes e ofrecer recoñecemento académico mediante ECTS”. As universidades parceiras da UVigo neste caso son a Universidade de Leiden (Países Baixos) e a Universidade de Minho (Portugal). Este formato púxose en marcha co novo ciclo do programa Erasmus+ 2021-2027 e, aínda que a institución viguesa xa participou como socia en BIPs en anos anteriores, esta é a primeira destas mobilidades concedidas como entidade coordinadora, neste caso para afondar no coñecemento do bilingüismo e do multilingüismo desde unha perspectiva integradora, combinando a análise lingüística, cognitiva e social destes fenómenos.