A conferencia plenaria correrá a cargo da profesora da Universitat de Barcelona, Helena González
A Facultade de Filoloxía e Tradución volverá converterse este mes en sede dunha nova edición do Coloquio Internacional en Estudos Literarios, unha cita que este curso acada xa a súa terceira edición. Será o vindeiro xoves e venres, 9 e 10 de outubro, nun encontro organizado polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios das Universidades de Vigo e da Coruña, o Grupo de Investigación BiFeGa e a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo.
O evento vai dirixido ás novas investigadoras e investigadores, preferentemente da UVigo e da UdC, mais tamén doutras universidades. Precisamente para favorecer a asistencia da comunidade científica internacional, sobre todo do mundo lusófono, desenvolverase en formato presencial e en liña, o que facilitará a asistencia de numerosos representantes, tanto de universidades portuguesas como brasileiras.
Coordinado polo profesor Burghard Baltrusch, director do grupo BiFeGa, a idea é seguir a promover e afondar na cooperación e no diálogo entre as dúas universidades vencelladas ao Programa de Doutoramento en Estudos Literarios e aos diferentes grupos de investigación asociados, así como facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias das mozas e mozos que se están a incorporar ao mundo da investigación no eido dos estudos literarios e culturais, tanto en Europa como en América.