Xa se tiñan defendido na Universidade de Vigo diferentes teses de doutoramento sobre Lingua de Signos Española, LSE, pero ata agora nunca se lera ningunha nesta lingua. Fíxoo María Luz Esteban Saiz, sociolingüista xorda con máis de 30 anos de traxectoria profesional e, desde agora, autora da primeira tese de doutoramento defendida na UVigo en lingua de signos, unha investigación de grande alcance social na que se sitúa e pon de relevo a política lingüística da lingua de signos española desde 1980 ata a actualidade.
A tese, dirixida pola catedrática Mª del Carmen Cabeza Pereiro, defendeuse na Facultade de Filoloxía e Tradución o pasado 11 de xullo nun acto, “tremendamente emotivo”, no que a lingua signada foi a gran protagonista e no que a autora, directora desde 2011 do Centro de Normalización Lingüística de la Lengua de Signos Española, CNLSE, estivo arroupada por numerosos compañeiros e compañeiras, así como docentes que non quixeron perderse unha data tan especial, tendo en conta que en España o número de persoas xordas que teñen un doutoramento non chega a unha ducia. “Agardo que este acto axude a que máis persoas xordas se animen a doutorarse no campo da lingua de signos e os estudos xordos”, subliñou a autora, ao que Cabeza engadiu que esta tese é tamén a primeira que se defende en Galica "por unha persoa xorda que defende en lingua de signos".